viernes, 21 de febrero de 2014

O concello de Ponteareas no punto de mira

A operación Patos amplifica as denuncias de presunta corrupción en Ponteareas

Redacción | @prazapublica
O Concello de Ponteareas está financieiramente quebrado e, desde comezos do ano 2012, intervido  polo Estado, que retén un 50% dos ingresos municipais para evitar o aumento da débeda e previr o debalde que, aparentemente, levou a institución municipal a esta situación. Nesta precaria situación económica é na que estoura a operación Patos, que neste concello investiga, segundo transcendeu das actuacións, declaradas secretas, os traballos ligados á senda do río Tea, os contratos con Aquagest -tamén investigada na operación Pokémon- e obras como a construción dun centro de día e a da casa do propio alcalde, Salvador González Solla.
As denuncias sobre presuntas prácticas irregulares na localidade chegan nos últimos anos tanto dende a oposición municipal como dende as formacións que aspiran a sentar no pleno, caso por exemplo de Compromiso por Galicia. A súa voceira local, Sandra Araúxo, explica en declaracións a Praza Pública que, no que atinxe á senda fluvial, “temos indicios de que lle mentiron á UE, porque eses cartos eran para favorecer a ribeira do río e o que fixeron foi meter unha pá e cargarse a ribeira”. Explica que “Europa non permite facer paseos fluviais tan grandes como o que se fixo aquí, porque teñen moito impacto ambiental” e que por iso “subdividiron as axudas para que non se notase que é un paseo tan longo”. Os contratos coas empresas adxudicatarias desta obra tamén están a ser investigados dentro da Operación Patos. De haber unha sanción, non sería a primeira que chega desde a Unión Europea ao concello ponteareán por irregularidades medioambientais: “múltannos todos os anos polos verquidos ao río Tea, porque non hai saneamento: vérquese directamente ao río, cando desde Europa viñeron moitos cartos para sanear”, afirma Araúxo.
A Policía levou datos relativos a contratos con Aquagest e sobre a casa do alcalde, entre outros
Na mira da Operación Patos están tamén os contratos con Aquagest, empresa concesionaria do servizo de augas desde os anos 90 do século pasado e que segue a ser beneficiaria dese servizo sen que se teña feito un novo concurso. Ademais, cando se construíron tanto a depuradora de augas (1996) como a estación potabilizadora (2013), en ambos os casos fóronlle adxudicadas directamente e sen mediar concurso público, asegura Compromiso. No último caso, segundo as denuncias da formación, o contrato foi asinado por 132.000 euros, contrariando o informe do técnico municipal que estimaba que o custo para o concello debería ser de 90.000 e un informe externo encargado ad hoc que fixaba o prezo en 120.000€. 

Anteriores denuncias de presunta corrupción

Este é o contexto no que se producen as denuncias de casos de presunta corrupción, agora amplificados pola operación Patos. Así, por exemplo, o Goberno local xa admitiu que incorrera nunha "distracción indebida" no cobramento das taxas das terrazas na vila, xa que en vez de recibir o cobro a través dun ingreso bancario era un traballador municipal quen realizaba o cobro en mans. Na recadación do IBI, o Goberno municipal obviou que tanto o cobramento como a actualización do censo son responsabilidade da Deputación e subcontratou unha empresa privada para realizar o mesmo traballo, operación que se produciu despois de que un traballador municipal se negase a colaborar.
"Cando os técnicos fan un informe que non interesa, subcontratan a realización doutro"
Outro técnico municipal foi quen puxo o acento sobre o incumprimento da concesión na recollida do lixo en, aproximadamente, 400.000 euros dun contrato dun millón. Ante este informe o Concello contratou a elaboración doutro, tamén cunha empresa externa, que rebaixou o incumprimento aos 200.000 euros. "O Concello ten técnicos municipais en todas as áreas, pero cando fan un informe que non lle interesa ao Goberno, daquela subcontratan a realización doutro".
FONTE XORNAL "PRAZA PÚBLICA"

No hay comentarios:

Publicar un comentario