
Un importante número das áreas nas que están proxectadas as fumigacións inclúen territorio da Rede Natura 2000 no que están presentes, entre outras, especies protexidas de insectos a cuxa conservación obriga a Directiva 92/43 CEE e que tamén se verán afectados polo tóxico. Por exemplo, a bolboreta Euphydryas aurinia e o escarabello Lucanus cervus (vacaloura) están consideradas de interese comunitario e figuran no Anexo II da Directiva de Hábitats.
A maiores, as poboacións do lepidóptero Zerynthia rumina, considerada en perigo de extinción e do coleóptero Cerambyx cerdo
(capricornio das aciñeiras, o escarabello máis grande de Galiza),
vulnerábel, poderían sufrir os efectos das fumigacións. E alén dos
insectos protexidos, tamén as aves insectívoras e os morcegos, entre
outros, acusarían os efectos do veleno.
Atendendo
á Lei 42/2007 do Patrimonio Natural e da Biodiversidade e á Lei 9/2001
de Conservación da Natureza calquera dano a estas especies podería ser
constitutivo dunha falta moi grave e mesmo dun delicto penal, coa
agravante de ser a propia administración quen o cometería.

Tivo en conta a Xunta a presenza destas
especies protexidas, ameazadas e en perigo de extinción nas parcelas
fumigadas, incluidas ou próximas a espazos protexidos? Considerou a
Xunta os riscos das fumigacións sobre a saúde das persoas e a calidade
dos recursos hídricos, dada a presenza nas "zonas de tratamento" de
núcleos de poboación e cursos fluviais? Cal é a opinión da D. X. de
Conservación da Natureza, da D. X. de Saúde Pública e de Augas de Galiza
polo que atinxe ao envelenamento da auga?
A escandalosa submisión ao lobby do
eucalipto que amosou a administración galega, corroborada por unha
política forestal hiperpermisiva coas pasteiras e os seus intereses (Lei de Montes, Orde dos cultivos enerxéticos), non pode xustificar o envelenamento deliberado das persoas e o medio ambiente.
No hay comentarios:
Publicar un comentario