viernes, 19 de octubre de 2012

O Concello realiza traballos de recuperación da Fonte da Fama
08/10/2012  - Fonte: Concello de Ponteareas
O Concello de Ponteareas continúa a desenvolver o programa de recuperación daqueles elementos que forman parte do seu patrimonio etnográfico ou que teñen un especial significado para os veciños e veciñas.
Os traballos céntranse nestas datas, na recuperación da Fonte da Fama situada a carón da estrada N-120 a altura do barrio da Ponte. A fonte, obra do mestre Cerviño, é un dos elementos artísticos máis salientables do Concello polo que era preciso “non só a súa rehabilitación, senón tamén unha mellora do entorno no que se atopaba de cara a súa posta en valor”.
Así pois a Fonte da Fama será rehabilitada mantendo o seu entorno en pedra que será limpado de cara mellorar o aspecto global da zona, que será dotada de iluminación e axardinamento, sen restarlle protagonismo á obra do mestre Cerviño.
Lembremos que, dentro destes traballos de recuperación do patrimonio tradicional de Ponteareas, o Concello recuperaba a denominada Fonte da Calle de Abaixo, moi utilizada aínda hoxe en día pola veciñanza, que foi dotada dun entorno axeitado, do mesmo xeito que reconstruía a Cruz da Picaraña ao ser un lugar de especial significado para os ponteareáns.
Eses mesmos traballos, lembra o alcalde González Solla, “tamén se fixeron en distintas parroquias ponteareás que puideron, grazas a esta iniciativa, recuperar as súas fontes e os seus lavadoiros tradicionais e que son parte da súa propia historia, como foi o caso das actuacións desenvolvidas en Xinzo, Santiago de Oliveira e San Lourenzo de Oliveira entre outros”.
Finalmente, Salvador González Solla salientou que, dentro das posibilidades do Concello, se seguirá traballando nesta liña xa que a recuperación, mantemento e posta en valor das nosas sinais de identidade e dos elementos históricos, culturais e etnográficos do municipio “non é mais que manter e poñer en valor a nosa historia e a nosa identidade como pobo”.

FONTE DA NOTICIA SACADA DE TODOCONDADO.COM

No hay comentarios:

Publicar un comentario